
Museo Valle-Inclán, peza do mes: "O Jandolo"
PEZA DO MES
Cabeza do «JANDOLO»
Deseño de RuiAnahory
Plástico policromado
25 (alto) x 17 (ancho) x 21.5 (fondo) cm
Doazón de Rui Madeira, director da CTB
Portugal, 2010
Na tempada 2010/11, a Companhia de Teatro de Braga, CTB, incluía na súa programación escénica a representación de A cabeça do Baptista, peza de Ramón del Valle-Inclán, traducida ó portugués por António Pescada, con dramaturxia contemporánea de Manuel Guede Oliva, director entón do Centro Dramático Galego, CDG. Logo de estreado o espectáculo no Teatro Circo de Braga, sede estábel da CTB, posteriormente sería levado en xira itinerante polas principais salas do país veciño, Portugal.
Para aquela produción foi modelada esta peza escultórica, como attrezzo teatral, executada nun efectista estilo naturalista polo artista plástico RuiAnahory. Resulta evidente a filiación da súa testa con deseños tomados de efectos do cinema e o seu empeño por servir de reclamo para un público impresionábel. Correspóndese co personaxe dramatizado en La cabeza del Bautista (1927), un dos cinco esperpentos que compoñen o Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte valleinclanesco.
Non é puntual nin de hoxe o interese de Portugal pola literatura de Ramón del Valle-Inclán. Debemos prestar atención ó diálogo que se ten producido a ámbolos lados do Miño dende os anos noventa, ás relacións luso-galaicas entre as compañías e axentes teatrais, e algunhas editoriais, e que posibilitou esta nova adaptación de La cabeza del Bautista, de factura portuguesa e dirección artística galega.